domingo, 8 de mayo de 2011

Eva

La vida es curiosa, pero más curiosas somos las personas.


Eva revolvíase nun torbellino de sensacións estrañas. A súas tripas dicían cousas que non chegaba a comprender, que subían polo seu peito ata a gorxa e alí facían un nó inmenso, para se extender coma unha rede de nervios por todalas súas extremidades. Tremábanlle un pouco as mans e arrubiábase, pero á hora de falar a súa voz soaba firme e inalterable. Ninguén pensaría xamáis que aquilo estaba a pasar pola súa cabeza, e así debía ser. O silencio era o seu cárcere, e, o mesmo tempo, a súa salvación: o que está dito, dito está e non se pode cambiar. Mais o que as verbas non digan non se poderá considerar verdade, non terá valor do mesmo xeito.

Nadando entre dúas augas, sentíase afogar no medio dun mar revolto que a acunaba no seu colo. Cara onde había de tirar? Cara onde? Non sabía canto tempo levaba xa naquel vaiven que a alteraba sobremanera, que tan pronto a elevaba nun remuiño de ledicia coma a deixaba caer no fondo dunha poza profunda e lamosa. Mais nos bos momentos, coma este gustáballe soñar que soamente eran ela e a parte da súa vida que acababa de compartir cos outros. Nada máis alá. Ninguén máis alá. Sabía que nin era certo nin era posible, e por riba de todo sabía que non soportaría que fose así se algún día chegaba a selo, pero non podía mesturar ambas partes da súa existencia. Non podía permitir que eses momentos de felicidade intuída, de risos abertos e corazón ó vento, estivesen manchados con aqueles escuros sentimentos de culpa, debilidade e traizón.

Consciente de que xogaba con mistos e que os mistos queiman, Eva durmía intranquila tódalas noites, compartindo soños cunha almofada que nada sabía do que realmente lle acontecía. Ata cando? se preguntaba. Pero un trozo de tela e un coxín non eran quen de lle dar unha resposta axeitada, así que continuaba coa súa vida de dúbidas, de sobresaltos, de augas encontradas e de medos cruzados con bicos de mel de soño. Eva durmía e nos seus soños, mesturaba todo o que vivía, pero por riba de todo, sentía o que non podía sentir no día a día.


Dábame medo admitir que comezaba a soñar con el, a imaxinar e desexar situacións que me farían agocharme baixo terra se fose descuberta. Sempre me pareceu que as cousas, mentres non llas contas a ninguén, podes consideralas verdade ou mentira. En canto as compartes, son o que son e non teñen volta. - "A mascara de Palma" Fina Casalderrey

No hay comentarios:

Publicar un comentario